Lugo prorrogará ata novembro a ampliación das terrazas

O concello de Lugo decidiu estender a ampliación das terrazas ata o vindeiro 1 de novembro, coincidindo coa data ata que as casetas do polbo permanecían abertas tralo San Froilán, mantendo ata entón a reorganización provisional dos espazos públicos da capital co fin de que os establecementos poidan ou ben ampliar as terrazas das que dispoñen ou ben instalalas no caso de que non as teñan. 

Esta medida chega despois de que a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivera un encontro co presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría de Lugo, Cheché Real, que xa reclamaran a susodita ampliación. 

“Trátase - sinalou Méndez – de contribuír á recuperación destes negocios e concilialo co mantemento do espazo necesario para a circulación de vehículos de emerxencia pero tamén co dereito da veciñanza para desprazarse sen barreiras propiciando igualmente que existan puntos de encontro e esparexemento social ao aire libre, polo que – engadiu - reiteramos o noso chamamento á responsabilidade de todas e todos co fin de garantir a convivencia e a saúde pública”.

As medidas artelladas no seu día baseáronse, principalmente, en cinco supostos: a ampliación das terrazas nas zonas peonís que así o permitían; o corte do tráfico nas rúas Mallorca e Recatelo, tanto para favorecer a súa colocación como para incrementar as zonas de paseo da cidadanía; a instalación de mesas e cadeiras en vías de anchura suficiente ou, en caso contrario, a utilización, ao efecto, dalgunhas áreas de aparcadoiro sitas en fronte. Por último, posibilitouse tamén a ubicación de terrazas nas prazas e rúas de maior amplitude.

Pola súa banda, os locais víronse na obriga, entre outras normas, de sinalizar as distancias de seguridade e non exceder a instalación de mobiliario máis aló da lonxitude da súa fachada.

“Ante a realidade que estamos a vivir e na que sigue existindo un risco sanitario para a pobación que conleva restriccións de todo tipo, o que queremos dende o Concello é seguir axudando ao empresariado local a sobre levar os efectos da crise, co obxectivo de minorar as perdas que poidan estar sufrindo. Sendo conscientes de que se trata dunha realidade que atinxe á totalidade das cidades e dos países, o que queremos é facer da Administración Local unha das principais aliadas do tecido produtivo como así o estamos demostrando dende o inicio da pandemia”, sostivo Lara Méndez que concluíu a súa intervención anunciando que, de forma parella, a hostalaría continuará quedando exenta do pago da taxa por ocupación da vía pública.

A rexedora indicou que o goberno local estuda, ademais, a modificación da actual ordenanza pola que se regulan as terrazas para ampliar os espazos nos que se poden instalar. Unha posibilidade que esixirá – sinalou Méndez – a presentación de proxectos específicos que garden homexeneidade no seu aspecto segundo os criterios establecidos.