Galicia resistiu mellor que a media a caída do turismo en xullo

Os datos de pernoctacións hoteleiras durante o mes de xullo que publicou hoxe Instituto Nacional de Estadística deixan unha sensación agridoce en Galicia. Por unha banda, confírmase a esperable caída na ocupación con respecto ao mesmo mes de 2019, cunha caída do 51%. Pero como contrapunto temos o feito de que, canto menos, os hoteis galegos resistiron bastante mellor que a media nacional, donde se rexistraron un 73'4% menos de pernoctas. 

Os establecementos hoteleiros galegos recibiron no sétimo mes do ano un total de 257.870 turistas, o que sitúa a Galicia como a quinta comunidade con maior volume. Estes viaxeiros realizaron preto de 600.000 pernoitas, en concreto 598.513. A nivel de mercado, o turismo de proximidade continúa a ter máis relevancia no turismo en Galicia, xa que o viaxeiro nacional gaña presencia fronte ao internacional, máis afectado polas restricións de mobilidade. En concreto, o peso do turismo interno medra oito puntos e o turismo nacional sube tres. O internacional perde 11 puntos.

No mes de xullo foi especialmente importante a reactivación da oferta hoteleira debido ao notable aumento no número de negocios que permaneceron abertos, un total de 1438, é dicir, 808 máis que no mes de xuño. Hai un ano, o número de establecementos abertos era de 1.749, polo que Galicia ofertou o 85% das prazas dispoñibles.

A nivel territorial, no que atinxe á comparativa por provincias, a caída da demanda foi do 43% en Ourense, do 47% en Pontevedra, 53% na Coruña e do 63% en Lugo.
dos prezos

Asemade, o INE permite este mes analizar algúns parámetros económicos que indican que as tarifas hoteleiras descenderon levemente neste mes, un 0,7% en particular, o que denota certa estabilidade, con prezos medios que se manteñen, a grandes trazos, semellantes aos de xullo de 2019 malia a situación sanitaria derivada da covid-19.

A propósito destes datos, o conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, subliñou o “enorme esforzo” que o sector turístico galego está a facer este verán para recuperar a actividade. Malia que, como sinalou, “a todos nos gustaría que os datos fosen outros”, destacou o traballo os profesionais desta industria para lograr situar á Comunidade 22 puntos por encima da media española, no momento de maior dificultade que se recorda, tras varios anos cun sobresaínte crecemento cualitativo.