Os alcaldes do Miño plántanse na Ponte de Goián para reclamar a apertura da fronteira

Os alcaldes e alcaldesas do Miño transfronteirizo cumpliron a súa promesa e protagonizaron este mércores a súa primeira acción de protesta, visibilizando a sua reclamación constante dende hai semanas para que se abran máis pasos fronteirizos entre España e Portugal. 

O lugar escollido foi o simbólico Ponte da Amizade que une Goián con Vila Nova de Cerveira. Alí plantáronse os alcaldes de ambos lados da fronteira, representando cunhas letras de S.O.S. á veciñanza dos concellos de Tomiño, Tui, Salvaterra, As Neves, Arbo, A Guarda, O Rosal, Melgaço, Valença, Vila Nova de Cerveira, Paredes de Coura e Monçao. Tamén participou o director da Agrupación Europea de Cooperación Transfronteriza (AECT) Río Miño, Uxío Benítez, que xa demandaba recentemente a apertura de pasos fronteirizos nunha entrevista a HGg&T. 

Na actualidade o paso de Tui-Valença segue sendo o único dispoñible para cruzar o Miño, obrigando aos traballadores a conducir ata 100 km para incorporarse aos seus postos. Unha situación que ademais se agrava co avance da desescalada, xa que como denunciou o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a xente reincorpórase aos seus traballos e o tráfico é cada vez maior. 

Por iso consideran necesario que se abran con carácter urxente todos os pasos fronteirizos, algo que podería facerse destinando medios para que a Guardia Civil e GNR realicen controles nos outros pasos. Como destacou Sandra González, alcaldesa de Tomiño, o que non queren é que se repercutan os costes de non abrir máis pasos sobre os traballadores da rexión. 

O director da AECT, Uxío Benítez, foi máis alá e esixiu unha vez máis unha "apertura total", demandando que os gobernos español e portugués se coordinen na apertura da fronteira "con máis dinamismo social e económica de toda Europa". Como un exemplo máis da realidade transfronteiriza, asegurou que non ten sentido permitir a apertura dos comercios da Fortaleza de Valença se os seus clientes de toda a vida non poden acceder. 

(Foto: Diario de Pontevedra)