"Estase creando un muro de Berlín na fronteira do Río Miño" Uxío Benítez, presidente da AECT Río Minho

Dende o pasado 17 de marzo Portugal e Galicia están máis lonxe que nunca. O peche de fronteiras só deixa vía libre para os traballadores en dous pasos fronteirizos, un para o Miño (Tui-Valença) e outro para a raia seca (Chaves-Verín). Esta situación está xerando un grave prexuízo social e económico para os territorios de fronteira e ten levado á AECT Río Miño a reclamarlle ao goberno central a apertura urxente de máis pasos fronteirizos. Sobre esta e outras demandas falamos con Uxío Benítez, presidente desta agrupación transfronteiriza que integra á Deputación de Pontevedra, o CIM Alto Miño e os concellos de ambas beiras da fronteira internacional do Miño. 

¿Ata que punto vos afecta o peche das fronteiras con Portugal

Para entendelo hai que entender o territorio do Río Miño transfronteirizo. Estamos falando da fronteira máis poboada entre España e Portugal. Son 70 km dos 1200 km que hai entre os dous países. Iso é un 5%. Pois nese 5% dende que se pecharon as fronteiras pasaron o 44% dos vehículos que cruzaron entre España e Portugal. Estamos falando dunha fronteira na que só os concellos limítrofes do Río Miño concentran 150.000 habitantes, ademais de ser xeo-estratéxica. O que pedimos é que se teñan en conta as especifidades desta fronteira, seguramente a máis dinámica social e económicamente de toda Europa. 

Entendo que a vosa demanda principal é que se abran máis pasos transfronteirizos para os traballadores... 

Hai quince días convocamos aos alcaldes e presidentes da cámara de todos os concellos e consensuamos un documento de demandas que remitimos a todos os organismos pertinentes, a partir dun informe sobre as consecuencias económicas da crise do COVID-19 nesta zona que lle encargamos á Universidade de Vigo. 

Concluímos que é fundamental abrir máis pasos, nós entendemos que hai que abrilos todos para os traballadores transfronteirizos. O peche está ocasionando un trastorno terrible a moitísimos traballadores que viven nun lado e traballan no outro, ao ter que percorrer moitísimos máis quilómetros dos que percorrían. Estamos falando de miles de casuísticas. Por exemplo, hai unha rapaza de Arbo que ten unha perruquería en Melgaço, que só tiña que cruzar a ponte e agora ten que facer 100 km para chegar ao seu negocio… Non entendemos que se poda pasar en Tui-Valença e no resto dos pasos non pase o mesmo, cando é unha cuestión estritamente de medios humanos para os controis, porque cruzarían as mesmas persoas. A segunda demanda importante é que no proceso de desescalada haxa unha coordinación entre os estados para que neste territorio transfronteirizo non se cree o efecto de partir unha cidade en dous. 

Este martes trasladástedes ao delegado do Goberno de Galicia as vosas demandas a través dunha reunión telemática. ¿Pensades que pode haber cambios no futuro próximo?

Vemos moi positivo que o delegado nos atendera. Nós enviamos a petición de reunión urxente o sábado, e o luns chamounos para ter unha reunión o martes. Pola contra gustaríame sinalar que Feijóo non nos recibe, tamén lle mandamos solicitude o sábado de reunión urxente e non nos deu cita. Como presidente da Xunta e presidente de turno da Comunidade de Traballo Galiza-Norte de Portugal, debería amosar máis interese por esta problemática.

O que nos dixo o delegado do Goberno foi que ía trasladar ese mesmo día un informe coas nosas demandas ao Ministerio de Sanidade como mando único e ao Ministerio de Interior como competente en control de fronteiras. Polo de agora non nos dixeron nada, pero en todo caso nós continuaremos coas nosas reivindicacións porque entendemos que se está xerando un prexuízo. Estase creando un muro de Berlín na fronteira do Río Miño e iso está tendo consecuencias económicas. Os territorios como este xa tivemos que sufrir durante centos de anos o problema de ser fronteira, que che impedía relacionarte económica e comercialmente co do lado, co teu territorio máis próximo. Iso empezou a cambiar co tratado de Schengen. Que agora, 25 anos despois se volva para atrás, parécenos que vai ter consecuencias negativas. 

Imaxino que á hora de abrir novos pasos haberá que contar co goberno portugués, que acaba de prorrogar o peche de fronteiras ata mediados de xuño. ¿Tamén estades traballando para que se teña en conta a vosa especificade á outra beira do Miño?

A AECT Río Miño, como entidade con carácter xurídico válido para ambos estados, está traballando nas dúas dimensións. O ministro de interior portugués cónstame que ten enriba da mesa os nosos informes para analizalos. Isto son acordos entre estados que se adoptan, a nosa responsabilide como territorio é facerlle ver a especificidade deste territorio. É certo que a decisión de pechar fronteiras se toma dende Madrid ou dende Lisboa, e hai un certo descoñecemento de que a sociedade vai por diante e que as persoas que vivimos neste territorio facemos a nosa vida indistintamente de que esteamos nun país ou noutro. 

De cara á recuperación turística, parece que esta tempada a clave estará no turismo de proximidade. ¿Crees que Galicia debería volverse cara Portugal á hora de atraer visitantes?

A Galicia vaille a vida na relación con Portugal. Seguramente se collemos toda a fronteira galega, contando a raia seca, a metade dos vehículos que pasan pola fronteira pasan pola fronteira galega. Iso explícase na profunda relación social, cultural, histórica e económica que hai entre Galicia e o norte de Portugal. É fundamental tomarse moi en serio esto. Hai unha cuestión importantísima como o camiño portugués a Santiago, que estaba incrementando o seu uso moitísimo e podería ser unha alternativa importante para compensar a crise que haberá no sector turístico. 

Non hai que entender Portugal como algo estranxeiro, son os nosos veciños. Nós dende a AECT Río Miño estamos traballando na consolidación dunha marca que ofreza un produto turístico estruturado en torno ao fenómeno xeográfico do Río Miño a través da súa paisaxe, gastronomía… Un produto completamente transfronteirizo que se persiste esta decisión de pechar as fronteiras se  nos rompe por completo.