Vía Crucis virtual en Paradela

Hoxe é día de Venres Santo, día de Vía Crucis. Unha xornada que se vive de forma  especialmente intensa en Paradela, (Meis), onde presumen de dar cabida á Semana Santa máis realista de Galicia. Aquí os protagonistas non son pasos de madeira, senón actores de carne e óso que non dubidan en reproducir ata as esceas máis intensas do calvario, con lategazos e crucifixión incluídos.

Un espectáculo digno de ver que este ano entre o concello e a directora da representación, Fátima Rey, actualizaran por completo para que os miles de crentes e non crentes que cada ano acuden a esta parroquia do Salnés marchasen conmovidos pola realista representación dos últimos días de Cristo.

Renovárase o vestiario dos actores, actualizáronse os diálogos, mellorárase o equipo de son... Algunhas escenas clave da representación como a Última Cea e o emblemático Vía Crucis do monte da Croa tamén se revisaran por completo, traballando cos actores para ofrecer unha versión o máis realista e conmovedora posible.

Un traballo que a pesar da cancelación obrigada polo COVID-19 non caeu de todo en saco roto. Como nos adiantaba a directora da representación na entrevista que lle fixemos a semana pasada, os veciños decidiron sobrepoñerse grabando vídeos caseiros da Semana Santa que están colgando cada día nas súas redes sociais. 

Paralelamente, cando a situación se normalice seguramente se poida salvar unha das novidades deste ano, no que tamén se decidira comezar a engadir cada ano unha pasaxe bíblica allea á paixón, comezando o sábado coas Bodas de Canaán. Orixinalmente prevista para o sábado anterior ao domingo de Ramos, dende a organización tratarán de buscar unha nova data para celebrala.