"Intentaremos facer algunha escena dende as nosas casas" Fátima Rey (Semana Santa Paradela)

A Semana Santa de Paradela (Meis) é coñecida como a máis realista de Galicia, revivindo cada ano a paixón de Cristo cunha representación teatral na que este ano se puxera un esforzo especial: renovárase o vestiario dos actores, actualizáranse os diálogos, mellorárase o equipo de son... Falamos coa organizadora, Fátima Rey, que admite que a cancelación foi un golpe, pero xa prepara a representación de varias escenas dende a casa e adianta unha celebración especial para cando pase o confinamento. 

Aínda que finalmente non poidamos vivir esa representación tan especial que tiñades preparada, entendo que xa estades preparando alternativas... 

Dende o primeiro momento Marta, a alcaldesa, xa me comentou de que cando acabe o confinamento deste ano trataremos de facer algún acto de promoción, que se vexa todo o traballo que se fixo. 

E despois por outro lado tamén estamos argallando para presentar algo en redes durante a Semana Santa, aínda que este ano non se crucifique a Xesús que se vexa que estamos aí igualmente. 

Que tipo de contido tedes pensado colgar?

Pasaranse vídeos do ano pasado, pero ademáis intentaremos facer cada un dende as nosas casas algunha escena. O que se pretende cada día sacar un pequeno vídeo co que me vaian mandando. Aínda que bueno, xa é complicado organizar á xente en persoa, a distancia… Algúns teñen vestuario na casa, outros liaranse a sábana á cabeza… Farase o que se poida e irase distribuindo o resultado a través das nosas redes. 

Este ano tiñades pensado representar por primeira vez unha pasaxe bíblica axena á Semana Santa. Quizais se podan manter esas bodas de Canaán cando remate o confinamento. 

Eu penso que o das bodas de Canaán igual a finales de Agosto ou Setembro, que aquí fai moi bo tempo. O problema é que claro, que hai gente que traballa… Pero algo imos facer, está claro, a xente está moi pola labor.