HILO DIRECTO con... Carlos Rodríguez, presidente da IXP Pan de Cea

Trala luz verde da Unión Europea, a Axencia Galega de Calidade Alimentaria ultima co sector a posta en marcha da IXP Pan Galego, co obxectivo de que este mesmo ano poidamos atopar no mercado produtos identificados coa nova IXP. Un tema sobre o que falamos con Carlos Rodríguez, veterán presidente da IXP Pan de Cea, que ve con bos ollos a chegada da nova indicación xeográfica. 

Que che parece a posta en marcha desta nova IXP? Como vos afecta?

Eu pensó que é algo independiente do que temos nós, o prego de condicicións noso é completamente distinto do deles. Cada un marcha polo seu camiño. Pero o que sí me parece ben é que se defina dunha vez por todas o que é o pan galego. Agora o pan galego terá unha reseña de calidade na que estará representada unha garantía de calidade. A IXP Pan Galego non só non prexudicará ao Pan de Cea, senón que beneficiará ás dúas.

En todo caso vós seguiredes o voso camiño aparte desta nova IXP...

Viaxará cada unha pola súa vía, pero con calidade diferenciada. Non é que o Pan de Cea mellor que o outro, pero cada un ten as súas características.

Dende logo, dende a vosa IXP tedes protexido de forma estrita a vosa diferenciación. 

A nosa diferenciación vén marcada dende tempos ancestrais. Nós marcamos unha normativa para unha tradición de séculos, dende o século XIII tense referencia, contrastada para a elaboración do Pan de Cea. Mantemos esa tradición e esa forma de elaborar. Non só a mezcla de fariñas senón tamén o forneado, que é completamente diferente do industrial. Iso está estrictamente regulado.

Así que o do pan galego moi ben, pero o Pan de Cea é o Pan de Cea... 

Eu non quero botar pedras contra o tellado de ninguén. Eu defino o Pan de Cea como moi estrito, cunha forma de elaboralo moi sensata para conservar a tradición que temos. O Pan Galego é bo pan, pero coa súa idiosincrasia particular e diferenciada.