HILO DIRECTO CON... Adrián Pérez, de Queixos Castelo de Brañas


O cebreiro de Castelo de Brañas coronouse como o mellor da súa denominación na XXII Cata dos Queixos de Galicia. Un galardón que reciben con satisfacción pola visibilidade que lles proporciona, como nos conta dende a queixería Adrián Pérez. 

Qué vos aporta un premio coma este?

Sobre todo visibilidade. Nós este tipo de recoñecemento, máis alá dun galardón, de gañar ou non gañar, sobre todo é a visibilidade que che dá, estar rodeado doutros produtores da terra, doutros selos de calidade… Esa calidade, calidade que nos rodea axuda un pouco a visibilizar aos que somos máis pequeniños. Aproveitámonos de todos os que fixeron tan bo traballo durante tantos anos e cremos que nós tamén podemos estar aí.

Cales son os valores diferenciais dos vosos queixos?

O que penso que é máis característico do noso queixo é que é un queixo estable, ao longo de trinta anos xa. É un queixo que ten un puntiño de acidez pero controlado, que vai cambiando pero que mantén un sabor máis ou menos igual ao longo do ano. É un traballo duro porque ao final é un proceso artesanal, faise todo a man e ao final tes que xogar moito con tempos e demais.

Falabas de visibilización, que me dirías se che conto que hai xente no sur de Galicia que aínda non coñece o queixo do Cebreiro?

Ourense e Pontevedra quizás sexan as provincias que menos nos coñecen, Coruña e Lugo si. Pero bueno cada vez nos coñecen máis, a hostalería está facendo un traballo moi bo. Nós traballando con hostalería quizais non che posiciona tanto a marca, pero si che posiciona o produto e ao final tamén nos beneficia. Ensinan como consumilo, educan ao consumidor.