HILO DIRECTO con... José Manuel Groba, presidente dos panadeiros do Porriño

Esta fin de semana celébrase a IV edición da Festa do Pan do Porriño, unha cita que reivindica un produto de gran tradición na comarca e que cada ano medra en popularidade, como nos conta o presidente da Asociación de Panadeiros do Porriño, José Manuel Groba. 

Este ano a festa pasa de un a dous días, parece sinal de que a cousa vai medrando... ¿É así?

A verdade é que si. Tentamos que a xente que veña a festa do pan disfrute de todas as actividades que facemos e ademais que coñeza a orixe do pan do Porriño, o porqué da súa calidade e tamén que nos axude a seguir facendo crecer está festa tan bonita que exalta un alimento artesán e natural que ten un valor incalculable.

Levades catro anos coa festa, pero o produto que exaltades vén de bastante máis atrás...

O pan do Porriño ten unha tradición histórica, que se remonta ao ano 1600 onde xa aparecen as primeiras referencias ao pan trigo do Porriño como un dos máis destacados de Galicia, fama que se consolidou coa instalación da Real panificadora do Porriño, o que deu lugar á aparición de diversos fornos de cocción que no século XVIII subministraban pan a toda a comarca e a Guarnición Militar de Tui, cando era capital de provincia e incluso as tropas de francesas que posteriormente invadiron a comarca. Esta tradición consolidouse con diversos fornos en diferentes barrios e parroquias do Porriño.

¿Qué diferencia ao Pan do Porriño?

O pan do Porriño é un tipo de pan moi distinto a calquer outro pan. A súa forma característica distíngueo do resto dos pans e ademais é un alimento natural, que non leva aditivos, que está elaborado con masa nai, que ten unha boa fermentación e q vai cocido en forno de soleira refractaria.

Supoño que esta fin de semana haberá oportunidade de degustalo, só ou acompañado...

Esta fin de semana poderemos degustalo só ou maridado con calquera dos produtos que haberá na feira ou con calquera das elaboracións que a EFA A Cancela elaborará no showcooking que temos programado o sábado.

¿Qué actividades destacarías da festa?

Non podería destacar só unha, será un evento moi atractivo para calquer público, teremos unha charanga para animar a festa, un showcooking, un obradoiro infantil para que os nenos aprendan e se divirtan facendo pan, un concurso de empanadas con agasallos para os gañadores, e no segundo día imos organizar un brunch para todos os publicos e remataremos cunha cata dos pans máis representativos de Galicia e norte de Portugal. Será un evento moi atractivo e divertido por iso invitamos a xente para que veña a disfrutar da festa.