O Consello Regulador das IXPs Ternera Gallega e Vaca Galega-Boi Galego lamenta o falecemento do presidente fundador de Ternera Gallega, Maximino Viaño García, nativo de Tapia (Ames), figura esencial do noso agro desde os anos sesenta e impulsor de destacadas iniciativas en prol do progresodo medio rural.
Histórico do cooperativismo galego, ademais de promotor da IXP, tamén foi un dossocios fundadores de Terga (asociación pioneira de produtores e comerciais de vacún), da Cooperativa San Cristobal de Tapia e de Feiraco.
Foi, polo tanto, actor clave dos principais avances do sector gandeiro da comunidade, tanto no eido leiteiro como no cárnico. E así se lle recoñeceu como Comendador da Orde ao Mérito Agrícola e Medalla de Bronce de Galicia.
“Home de aldea e fillo de labradores”, como a el lle gustaba definirse, Maximino Viaño soubo ver o potencial do campo galego e mesmo logrou revalorizalo. Ante a situación do sector cárnico na década dos oitenta, coa entrada de carnes doutros países e cunha saída irregular dos animais ao mercado, Viaño apostou por este eido produtivo e púxolle nome ao bo facer histórico dos gandeiros de vacún de Galicia, creando no 1989 Ternera Gallega.
Baixo a súa presidencia ata o ano 2000, Ternera Gallega alcanzou grandes logros e expandiuse no mercado, sendo recoñecida pola Unión Europea como Indicación Xeográfica Protexida no 1996.