Gastroturismo abondo en Salimat e Turexpo Galicia


A 46ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, que se celebrará do 30 de maio ao 2 de xuño, volve contar cun gran número de novas participacións nas diversas áreas da mostra, especialmente nos seus salóns de alimentación e turismo, as cales se suman a moitas outras que repiten ou son xa veteranas.

Así, en Turexpo Galicia, entre outras novidades da súa área expositiva, está a presenza de novas axencias e empresas, destinos nacionais como Aragón e internacionais como Cuba, e tamén concellos galegos que participan por primeira vez en Festur coas súas festas de interese turístico, como Coristanco, Taboada, Touro, Teo ou Vilagarcía. Ademais, na súa Bolsa de Contratación Turística por primeira vez os participantes poderán reunirse con operadores turísticos con presenza en Xordania e Filipinas.

En canto a Salimat Abanca, entre outras, estréase a oferta gastronómica da La Palma, Valencia, Palencia ou o Concello de Covelo, ademais de produtores tanto nacionais como portugueses que acoden por primeira vez para presentar produtos artesáns, gourmet ou ecolóxicos.

E tanto destas empresas que se estrean no certame como doutras xa habituais, poderán verse preto de sesenta novidades alimentarias na área Alinova, desde marmelada con allo negro ou aceite con esencia de anchoa, vinagre de arandos ecolóxicos ou paté de porco celta con froito de érbedo e millo corvo.

Tamén no programa da feira estrearase un gran número de actividades. Serán moitas no salón alimentario, entre elas, novos showcookings e degustacións de Comunidades Autónomas, da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), da Consellería do Mar, das cooperativas presentes coa Consellería de Emprego, Comercio e Inmigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, coa que estarán presentes diversas escolas de hostalería.

Tamén serán novos os obradoiros para levar a cultura do queixo aos máis pequenos, o restaurante das razas autóctonas Tapirazas presentarán novos e deliciosos menús e as sesións de cociña en vivo contará con debutantes no salón, como o chef Julio Mato, do programa de Televisión de Galicia A Voltas co Prato, e a barman Sonia García, que desempeña o seu traballo no Hostal dos Reis Católicos.