De feira en feira con Ternera Gallega e Vaca Galega-Boi Galego


As IXP Ternera Gallega e Vaca Galega-Boi Galego continúan coa promoción da carne certificada nas feiras gastronómicas máis destacadas do calendario nacional. Tras asistir a Alimentaria, en Barcelona, esta semana participaron no 37º Salón Gourmets, celebrado en Madrid entre o luns e o xoves.

Un percorrido culinario entre pezas singulares, como a tapa da pa ou a bavette, e outras máis afamadas, como o lombo, foi o argumento das tres masterclass ofrecidas polo Consello Regulador ante o público profesional; nas que se expuxeron as diferenzas entre a carne de tenreira e a do vacún maior.

Co chef do Grupo Nove, Javier R. Ponte “Taky” (Catering Boketé, A Coruña) como xefe de cociña, a primeira parada desta viaxe gastronómica permitiu desbotar a idea de que existen pezas de primeira e de segunda categoría. Serviu un tartar elaborado coa tapa, no canto do solombo como é habitual, demostrando que outros cortes brindan resultados culinarios á altura dos máis coñecidos, mesmo en preparacións en cru.