Sabor galego na Alimentaria de Barcelona


A Xunta de Galicia participa na feira Alimentaria, que se está a celebrar no recinto Fira Barcelona ata o vindeiro día 21 en horario de 10,00 a 19,00 horas, coa presenza de preto de medio cento de empresas coexpositoras do sector alimentario. Dentro da aposta da Xunta de Galicia pola posta en valor deste eido tamén se organizaron diferentes actividades para os asistentes ao evento, como catas comentadas, talleres e demostracións de cociña co fin de promocionar os produtos galegos de calidade diferenciada.

A Consellería do Medio Rural participa na feira coa presenza de 20 empresas coexpositoras distribuídas en tres superficies diferentes en dous pavillóns. Ademais, Medio Rural habilitou unha Aula de Experiencias de Calidade na que se desenvolverán actividades destinadas a promocionar estes produtos. Haberá catas comentadas, talleres e showcookings en colaboración cos consellos reguladores correspondentes.

Pola súa banda, a Consellería do Mar participa co seu propio espazo, que ocupa 500 m2 de zona expositiva repartidos en tres áreas para as empresas coexpositoras e unha zona para cociña, descanso e centro de negocios. Están presentes un total de 25 empresas da conserva e da transformación de peixes e mariscos, xunto a asociacións entre as que se atopan Anfaco Cecopesca ou Mexillón de Galicia.