Xosé Regueira destaca en Xantar Ourense “os sabores e os saberes tradicionais” da provincia


O vicepresidente da Deputación e deputado de Turismo, Xosé Regueira, participou esta mañá en Xantar Ourense, nun acto institucional no que presentou a nova guía turística da provincia da Coruña e, ademais, destacou a calidade de "A provincia que sabe", a marca turística e gastronómica da Deputación.

"É un pracer volver a Xantar Ourense para promocionar os sabores e os saberes tradicionais da provincia da Coruña" apuntaba Regueira, "cun stand no que amosamos a nosa cociña, gastronomía, restauración, festas..." ao que convidou a visitar a todo o público asistente.

O vicepresidente da Deputación aproveitou tamén para presentar a nova guía turística da provincia da Coruña, "unha provincia moi rica que ten moito que ofrecer non só gastronomicamente" sinalaba. "Con 8 xeodestinos, 3 cidades, a reserva da biosfera das Mariñas e Terras do Mandeo, o xeoparque de Ortegal, e cun destino starlight certificado como é a Costa da Morte" que se recollen neste volume.