Valdeorras lanza unha campaña promocional centrada no Godello


O Consello Regulador da D.O. Valdeorras activa desde este lunes unha nova campaña promocional para os seus viños, particularmente centrada no potencial do Godello, que se desenvolverá ao longo dos vindeiros meses en dúas fases. Creada pola axencia galega LAPERA, a iniciativa foi presentada no Centro Cultural Avenida da Rúa por Araceli Fernández, vogal do organismo, que detallou os eixos centrais e obxectivos do conxunto de accións de comunicación e publicidade que pretenden contribuir a fortalecer o posicionamento e “a potencialidade dos viños da comarca entre diferentes públicos obxectivos e aumentar o seu grao de coñecemento para tentar acceder a novos mercados”.

Tal e como sinalou a representante do Consello Regulador ante os medios de comunicación, adegueiros, viticultores e outros representantes do sector vitivinícola valdeorrés, a iniciativa ten como misión axudar “ao conxunto de adegas amparadas baixo o noso selo de calidade a vender máis e a obter unha maior rendibilidade polos viños que sitúan no mercado”.

De feito, a campaña céntrase moi especialmente nos viños elaborados a partir deste tipo de uva baixo o lema O godello é de Valdeorras, e agora tamén e teu.

A estratexia publicitaria busca protexer o vínculo entre unha terra e as súas xentes, Valdeorras; e un viño que é a súa máxima expresión, o godello. A idea creativa é moi simple “e baséase en que cando algo forma parte de ti, perténceche e é teu, conforma o teu patrimonio. E só podes transmitir, doar ou legar o que verdadeiramente é teu. E esta a historia que conta O Legado de Valdeorras, a historia dunha terra que entrega un viño ao mundo, para que sexa coñecido e desfrutado por todos”, explican dende LAPERA.