A Consellería de Medio Rural presentou a campaña publicitaria “Pataca de Galicia. En boca de todxs”, que desenvolverá nas próximas semanas o goberno autonómico para promover o consumo deste produto co selo diferenciado da Indicación Xeográfica Protexida (IXP).
A campaña promocional, feita en galego, conta cun orzamento de 300.000 euros e estenderase ata o 31 de decembro, con presenza nun cento de medios de comunicación de ámbito local, provincial, autonómico e estatal, a través de creatividades, cuñas radiofónicas ou anuncios audiovisuais que sitúan o selo de calidade da pataca como sinónimo de tradición e calidade. O seu obxectivo, recalcou o conselleiro lembrando o seu título, é que a “Pataca de Galicia estea en boca de todos”.
Esta acción, que conta cun “jingle” moi recoñecible, busca “non so chegar ao maior número de consumidores e consumidoras, senón tamén facer memorable o produto e que cando fagan a compra inclúan pataca galega nas súas bolsas”, resumiu José González.