O Xacobeo Xove prolóngase durante todo o ano que vén e incorpora a toda a mocidade española en idade escolar


O Consello da Xunta aprobou novidades no programa Xacobeo Xove, a iniciativa que promove a experiencia do Camiño de Santiago entre a mocidade a través de descontos en paquetes deseñados por axencias de viaxe galegas para calquera dos itinerarios xacobeos. Ao abeiro do acordado hoxe, o Xacobeo Xove renóvase ata novembro de 2024 e ampliará o número de beneficiarios ao incluir tamén os mozos en idade escolar e os de fóra de Galicia. Tamén incorporará a participación de axencias de viaxe maioristas galegas que poderán comercializarar os paquetes turísticos. En concreto, o Xacobeo Xove estende agora o rango de idade, que pasa dos 18-30 actuais, aos 12-30 anos sempre que os menores estean acompañados por adultos. Ademais, para realizar os paquetes turísticos, xunto ás axencias minoristas galegas, tamén se engaden as axencias maioristas galegas que poderán ofrecer os paquetes que comercialicen a axencias minoristas que operen noutras comunidades autónomas, polo que se poderán beneficiar tamén grupos de fóra de Galicia.