As IXPs Vaca Galega-Boi Galego e Ternera Gallega ofreceron un showcooking sobre a versatilidade do produto certificado no Gastronomic Forum Barcelona, celebrado entre o 6 e o 8 de novembro. No stand da Xunta, o Consello Regulador tamén contou cunha zona promocional para atender as necesidades de información e de carácter comercial dos profesionais asistentes a este certame.
A carne certificada de Vaca Galega foi o produto estrela nun showcooking dirixido polo chef Javier R. Ponte, “Taky”, que completou con outras propostas elaboradas con Ternera Gallega Suprema. Desde a aula de Experiencias de calidade da Xunta, o cociñeiro das dúas IXP puxo en valor as pezas singulares: aqueles cortes do vacún menos coñecidos ou habituais, pero que ofrecen resultados culinarios á altura dos máis afamados, como o lombo ou o chuletón.
Nesa liña, “Taky” presentou como produto principal unha bavette de Vaca Galega, co obxectivo de amosar ao público asistente a calidade da carne certificada, con independencia da peza escollida. Moi coñecida en Francia, na nosa cociña a bavette non é tan habitual. Trátase dunha peza que se sitúa no vacío; polo que, de forma equivocada, se considera unha carne dura. Porén, co tratamento adecuado, resulta mol e saborosa. Así o evidenciou o chef da IXP, preparando este corte de Vaca Galega simplemente á grella, sen necesidade de máis aderezos.