O programa de visitas Coñece a túa provincia xerou un retorno de medio millón para o sector turístico


A Deputación de Lugo leva xerado un retorno económico de en torno ao medio millón de euros no sector turístico a través do programa de viaxes gratuítas Coñece a túa provincia dende a súa posta en marcha no ano 2021. Participaron en total 358 colectivos e case 8.000 persoas, que viaxaron gratuitamente polas distintas comarcas grazas a esta iniciativa, coa que a institución provincial busca fomentar o coñecemento dos recursos patrimoniais lucenses entre os propios veciños e veciñas, ao mesmo tempo, dinamizar a actividade do turismo, a hostalería e o comercio. 

“Un éxito”, tal e como valorou a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, quen sinalou que “este programa contribúe de maneira moi importante a difundir o enorme patrimonio cultural e paisaxístico da provincia e que xera riqueza dinamizando o turismo, a hostalaría e o comercio”. Engadiu García Porto que as experiencias son en xeral moi positivas e que ”tivemos que ir ampliando as prazas, porque todos os anos queda xente en lista de espera”.