Lugo consolídase como turístico deportivo: 184 pernoitas no Stage Judo San Froilán


O executivo de Lara Méndez, a través da concellería de Deportes, que dirixe Jorge Bustos, avanza na consolidación de Lugo como destino turístico deportivo de referencia na zona noroeste peninsular. Así, o avalan os datos do pasado mes, onde só en dous días acadouse un retorno económico superior aos 50.000 euros e se conseguiu xerar 184 pernoitas nos establecementos hoteleiros da cidade grazas ao evento Stage Judo San Froilán, que se celebrou entre o 29 e o 30 de outubro.

“A nosa liña de actuación para acadar que o turismo deportivo sexa un motor económico importante no noso municipio aséntase sobre dous piares fundamentais: por un lado, a captación do maior número de eventos deportivos, para incrementar a ocupación hoteleira  e o consumo hostaleiro de forma permanente e desestacionada, como amosa o resultado desta proba de judo, e, por outro, na promoción do noso patrimonio natural e a nosa rede de instalacións como reclamo para o adestramento e a práctica deportiva. Consideramos que o potencial total da cidade pode situar o retorno anual preto do millón de euros a medio prazo, como avala o balance do Stage San Foilán, que serve para fixar obxectivos futuros e calibrar o impacto dos distintos tipos de eventos”, sinalou Bustos.