O segundo Concurso Tortilleiro de Pinto e Maragota, en Pontevedra, resultou todo un éxito.
O xurado tivo difícil a elección diante dunha achega gastronómica de “altísimo nivel”, segundo comentaban. O chef Pepe Vieira, a concelleira de Igualdade Anabel Gulías e o membro de Avante LGBT Miguel Ángel Velasco foron quen cataron, avaliaron e debateron na categoría “tradicional”, da que resultou gañadora Ana García Fernández, cunha tortilla que destacou, entre as 14 participantes, “pola textura, sabor e o punto exacto de sal”.
A categoría queer de ingredientes libres, que se inauguraba este ano, recibiu 9 propostas con ingredientes do máis variado: desde achegas veganas feitas con fariña de garavanzos en vez de ovos ata tortillas cociñadas con trufa, boletus, iuca, chourizo e mesmo espaguetes.