Alvedro superou en outubro o millón de pasaxeiros, sendo o aeroporto galego cun maior incremento de viaxeiros no que vai de ano



A alcaldesa, Inés Rey, valorou "moi positivamente" o último informe mensual de AENA coas estatísticas de tráfico aéreo no aeroporto de Alvedro, que en outubro contabilizou 112.538 viaxeiros/as e, desta forma, superou o millón de persoas pasaxeiras con respecto ao acumulado anual deste 2023 (1.054.417 en total).

Isto supón, na práctica, que Alvedro é, con respecto ao ano pasado, o aeroporto galego cun incremento máis elevado de viaxeiros/as para o período entre xaneiro e outubro de 2023, un 35,6% en comparación co 23,7% rexistrado en Peinador (Vigo) e o 10,5% de Lavacolla (Santiago de Compostela).

Ademais, Alvedro tamén foi o aeroporto de Galicia con mellores cifras no referente ao balance específico do mes anterior en comparación con outubro de 2022: o incremento de pasaxeiros/as foi dun 13%, por riba do 9,9% de Peinador e o 1,3% de Lavacolla.