A XV edición de Santiago(é)tapas cambia de datas para potenciar a desestacionalización


A concelleira de Turismo, Míriam Louzao; a presidenta da Asociación Hostelería Compostela, Sara Santos; e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, anunciaron as datas da XV edición do concurso Santiago(é)tapas, que terá lugar do 15 de febreiro ao 3 de marzo, nunha rolda de prensa celebrada no Pazo de Raxoi. O concurso de tapas de Compostela cambia de datas nesta edición para potenciar a desestacionalización.

O concurso de tapas de Santiago viviu varios cambios de datas dende o seu comezo. As primeiras edicións celebráronse na primeira quincena de xullo, xa que hai quince anos o sector consideraba que nesas datas non había suficiente actividade na cidade.


Nos últimos anos Santiago(é)tapas pasou a celebrarse no mes de novembro, co obxectivo de colaborar na desestacionalización turística da cidade neste mes de tempada baixa. Porén, nas dúas últimas edicións, unha vez pasado a pandemia do coronavirus e coa reactivación plena do sector turístico na cidade, o concurso sufriu un estancamento no número de establecementos participantes debido principalmente a que neste mes o sector xa ten un volume de actividade importante.


Así, segundo destacou Míriam Louzao "a razón fundamental deste cambio é unha razón moi positiva para Compostela. O cambio é debido a que os establecementos da cidade teñen agora no mes de novembro unha actividade moito máis forte da que tiñan hai uns anos, polo que entendemos que o concurso xa cumpriu a súa función neste mes".