A unión de catro entidades mellorará o cultivo de castaña na provincia de Pontevedra


O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres a aprobación dun convenio de colaboración da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, en colaboración con outras tres entidades galegas, para investigar a eficacia dun remedio elaborado a base de sementes de camelias da provincia para acabar cun patóxeno que está a provocar a podremia dos cultivos de castaña na provincia. “Gústame facer fincapé na importancia que este Goberno da Deputación lle dá á cooperación entre institucións e á colaboración público-privada para sacar adiante proxectos beneficiosos para a nosa economía e a nosa sociedade”, declarou o mandatario provincial para explicar o contido do convenio bautizado como Soutosan.

Trátase dun acordo de colaboración a catro anos, cun orzamento de 180.000 euros dos que a Deputación, a través da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, será a que máis fondos achegue (70.000 euros) e no que participan tamén Fauna Útil, S. L., Fundación Universidade Galega e IXP Castaña de Galicia.