A elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas recibe 4,5 millóns de euros en axudas


O Consello da Xunta autorizou hoxe a Consellería do Medio Rural para facer efectiva unha nova convocatoria das axudas bianuais para os investimentos en elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, por un importe de 4.500.000 euros, que se executarán entre o 2025 e o 2026. Estas achegas, que están financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga), publicaranse en breve no Diario Oficial de Galicia e desde a súa publicación as persoas interesados disporán ata o 31 de xaneiro de 2024 para presentar as súas solicitudes. Poderán beneficiarse destas achegas bianuais as empresas vitivinícolas, as organizacións de produtores vitivinícolas, as asociacións de dous ou máis produtores con personalidade xurídica, as organizacións interprofesionais e as organizacións profesionais. Serán subvencionables os custos de construción, adquisición ou mellora de bens inmobles, a compra de nova maquinaria e equipamentos ata o valor de mercado do produto e os gastos administrativos, sempre que en conxunto non superen o 4 % dos custos subvencionables totais da operación. Tamén serán subvencionables a adquisición ou o desenvolvemento de soportes lóxicos de ordenador e de patentes, licenzas, dereitos de autor ou o rexistro de marcas colectivas.