A Deputación de Lugo reabre as rutas en catamarán polo Miño unha vez que a empresa Naturgy lle comunicou o fin dos labores de mantemento que estaba realizando no encoro dos Peares. Estes traballos reduciron o caudal do río, o que imposibilitaba a navegación dos barcos. Agora, os barcos volverán a navegar ata a fin de temporada por este itinerario, que parte de Belesar (O Saviñao), e que se veu interrompido no mes de outubro.
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, informa desta nova resaltando que “dende este mércores volvemos ter habilitadas as reservas para que todo aquel que o desexe poida desfrutar desta fermosísima ruta, que ten unhas particularidades moi curiosas e que segue sorprendendo a todo aquel que a fai”. Todas as persoas interesadas en mercar o seu billete poden facelo na web reservas.rutasembalses.es.