A Deputación de Lugo lanza unha campaña con 8.500€ en premios para os negocios e 15.000€ para os clientes


O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou onte no Pazo de San Marcos xunto co presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, a campaña Mellor Comercio da túa vila, financiada practicamente na súa totalidade pola institución provincial cunha achega de 50.000€ para promocionar o sector comercial de proximidade da provincia e incentivar as vendas na recta final do ano. A iniciativa inclúe premios para os propios negocios participantes, por un total de 8.500€, e para os clientes, en bonos de compra que suman 15.000€.

José Tomé destacou na presentación, na que participou tamén o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, que esta nova colaboración responde ao “compromiso prioritario” da Deputación “de apoiar proxectos que dinamicen a economía e o emprego da man do tecido asociativo vinculado aos sectores produtivos máis importantes da nosa provincia, como é, neste caso, o comercio de proximidade”.