A Deputación de Lugo contribúe ao impulso e competitividade do sector apoiando as XX Xornadas Técnicas de Vacún de Leite
O deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, participou este xoves na inauguración das XX Xornadas Técnicas de Vacún de Leite, que organiza Seragro Sociedade Cooperativa Galega grazas á colaboración económica da institución provincial por un importe de 12.000€. O foro desenvolverase entre hoxe e mañá na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo, coa participación como poñentes de máis dunha decena de expertos no sector lácteo e vacún.
Fernández deu a benvida ás persoas asistentes que encheron o salón e felicitou á organización por cumprir 20 anos con estas xornadas, pois “son un auténtico referente para o conxunto do sector, permítenlle aos gandeiros e gandeiras coñecer os últimos avances, con coñecementos e ferramentas que fan as súas explotacións máis sostibles e competitivas”.
Nas súas palabras, o Deputado reivindicou a calidade da formación e da investigación que se fai no Campus Terra. “Grazas á calidade da súa oferta educativa, vinculada ao sector primario, e á organización de foros como este, transfírese coñecemento ao noso tecido produtivo dunha maneira moi positiva. Este é o camiño e a folla de ruta que dende a Deputación defendemos: ser útiles para o territorio e para o noso sector primario”.