A Coruña acenderá o 1 de decembro máis de tres millóns de luces de Nadal nos seus barrios


A Coruña contará este ano con máis de tres millóns de puntos de luz de Nadal, que se iluminarán a partir do vindeiro venres 1 de decembro, nun acto que terá lugar, como xa é costume, no Obelisco. Haberá nos diferentes barrios e distritos 560 arcos luminosos e toda a iluminación será de baixo consumo.

O acto que terá lugar no Obelisco estará presidido pola alcaldesa, Inés Rey, que destacou a importancia de que "o Nadal se viva coa mesma ilusión e intensidade nos diferentes barrios da cidade". "Como cada ano, estas son datas de grande ilusión, sobre todo para a mocidade e o noso comercio, polo que animo a cidadanía a facer as súas compras de Nadal en negocios de proximidade", indicou. As luces distribuiranse por diferentes rúas dos barrios e primarán os espazos comerciais abertos para fomentar as súas vendas. Ademais, A Coruña volverá contar coa grande esfera luminosa de 12 metros de altura da Mariña e coa árbore de 20 metros de altura do Obelisco.