Vigo avoga por dar a Conxemar o espazo “que necesite”



Abel Caballero destacou o “espírito de cooperación” que se expresa en Conxemar, tanto pola participación e reunión na feira de Vigo de empresas de preto de 50 países, como polo apoio conxunto das administracións a unha iniciativa con repercusión internacional. Definiu a feira como a ONU pola súa capacidade de xerar sinerxías conxuntas.

Ante a dimensión e repercusión da XXIV edición de Conxemar, o rexedor recoñeceu a “necesidade” de crecemento, como reclama a organización. Así, argumentou que “necesitamos proporcionarlle todo o espazo que se demande para que sexa capaz de facer esta gran reunión, que vai máis aló da economía e a relación. Queremos que Conxemar continúe na súa senda natural de crecemento”, incidiu. Acto seguido o alcalde insistiu en que Vigo espera “ansiosa” unha delegación da FAO na cidade.

O rexedor engadiu ás súas demandas que a regulación da capacidade pesqueira se produza “a través da ciencia, porque non nos gusta a normativa de augas profundas da Unión Europea porque sabemos que non responde a criterios científicos. Defenderemos as nosas razóns porque cremos que son boas”.