Santiago de Compostela dialoga sobre o novo modelo turístico nun foro internacional


A concelleira de Turismo, Míriam Louzao, presentou a xornada "O impacto do turismo nas cidades. Taxa turística e outros instrumentos de xestión", un foro de análise que segundo indicou "abre un novo escenario de traballo no deseño do novo modelo turístico que Santiago de Compostela necesita".

Este foro organízase no marco do Plan de turismo sustentable -en que participan o Concello de Santiago, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo- e inclúe a participantes do tecido hostaleiro e social de Compostela que compartirán xornada con representantes institucionais de Catalunya, Porto, Málaga e Sevilla, que achegarán distintas visións sobre destinos sometidos a unha elevada presión turística.


Míriam Louzao lembrou que "desde o goberno municipal temos o firme compromiso de acadar un novo modelo turístico para esta cidade, e para iso precisamos poñer en marcha novas iniciativas que engadan valor ao conxunto da veciñanza de Compostela, ademais dos beneficios económicos para empresas e persoas vinculadas directamente co sector".