Pontevedra establece colaboración en Granada con outras administracións para impulsar proxectos turísticos


A deputada provincial Isabel Couselo e  o deputado provincial Javier Tourís acaban de participar en Granada no II Foro Urbano de España, onde mantiveron xuntanzas bilaterais con entidades provinciais e estatais para buscar alianzas e sumar sinerxías co obxectivo de impulsar na provincia proxectos innovadores en materia da Axenda Urbana e de Turismo. Entre outros encontros, reuníronse coa presidenta da FEMP, María José García-Pelayo, que se comprometeu a visitar a provincia antes de que remate o ano, co presidente da Deputación de Granada, Francisco Rodríguez, e coa alcaldesa de Granada, Marifrán Carazo, e intercambiaron experiencias e boas prácticas.

O deputado provincial de Acción Comunitaria e Equipamentos Públicos, Javier Tourís, remarcou que o foro de Granada “serviu para analizar políticas públicas e para avanzar e dar pasos cara a construción dunha provincia de futuro a través de políticas sostibles, realistas e razoables no tempo, que contribúan á xeración de riqueza e emprego e á planificación estratéxica de todos os concellos de Pontevedra”. Deste xeito, durante o encontro abordáronse cuestións coma plans de acción local e gobernanza;  do territorio, deporte e saúde;  de reto demográfico; de dimensión social das cidades e rexeneración urbana; de ferramentas de planificación urbana; de redes de cidades; de arquitectura transformadora; de financiamento do desenvolvemento urbano sostible e integrado; de turismo e patrimonio; de cidades saudables; e de políticas urbanas. “Analizamos boas prácticas e experiencias innovadoras que se desenvolven noutros territorios  –detallou o deputado provincial–  e que agora imos analizar para poder implantar na provincia de Pontevedra”.