O II Campionato de Tapas e Pinchos de Galicia reúne a corenta cociñeiros

Xa comezou a segunda edición do Campionato de Tapas e Pinchos de Galicia que reúne en Ourense a 40 cociñeiros galegos para competir pola mellor tapa. A xornada inaugural tivo lugar hoxe en Ribadavia, en Casal de Armán, a cargo do presidente do Inorde e deputado delegado de Turismo, Rosendo Fernández; o alcalde de Ribadavia, César Fernández; o xefe da área provincial de Turismo da Xunta en Ourense, Cecilio Santalices; e o presidente da Academia da Tapa e o Pintxo de España, Mikel Martínez, entidade organizadora do campionato.

Na súa intervención, Rosendo Fernández salientou a importancia de acoller este evento no noso territorio porque "nos permite continuar a proxectar a imaxe de Ourense como destino enogastronómico de calidade". Puxo en valor a implicación tamén do sector privado afirmando que a "cooperación é fundamental para sacar adiante proxectos desta magnitude a unha provincia que pode presumir da contar con produtos locais de calidade, dos que temos unha boa mostra hoxe aquí". Así mesmo, o presidente do Inorde tivo palabras de agradecemento para todos os cociñeiros participantes por ser quen de facer lucir os seus pratos grazas "a imaxinación e o corazón que lle poñen en cada un deles".