O presidente da Deputación de Pontevedra sitúa o deporte como un piar estratéxico para crecer en turismo



O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, situou o deporte como un piar estratéxico para o Goberno provincial polo seu potencial para facer “ir a máis” a provincia tanto en materia de turismo coma de benestar social. O mandatario participou esta tarde de venres na celebración da gala do deporte provincial, que tivo lugar na Estación Marítima da Autoridade Portuaria de Vigo, onde recoñeceu os méritos de deportistas históricos e emblemáticos da provincia coma o atleta Carlos Pérez ou o remeiro Franco Cobas. “Sodes lendas”, díxolles ao saúdalos, antes de agradecer o seu papel coma “os precursores, os que lles abristes as portas ás novas xeracións de atletas, remeiros e deportistas que hoxe nos enchen de ilusión”.

“Vós, as e os deportistas, sodes embaixadores da nosa felicidade. Portades o estandarte do orgullo da nosa provincia”, comezou o presidente da Deputación unha intervención na que recordaba a emoción que lle transmiten á cidadanía os éxitos dos deportistas. “Quen non sentiu que estabamos a gañar moito máis que un Mundial cando Tere Abelleira voltou a Galicia cunha medalla de ouro?”, peguntouse Luis López, quen confesou ser non só un amante do deporte, tamén practicante, ao amosar a súa ficha como futbolista ou confesar o seu gusto por saír a correr e mesmo participar en probas ciclistas coma a deste domingo en Forcarei.