O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Ames, Blas García, mantiveron unha xuntanza de traballo na sede da institución provincial á que tamén asistiu a tenente de alcalde amesá, Susana Señorís. A reunión foi solicitada polo rexedor para tratar de impulsar temas de vital importancia para o Concello de Ames e a súa veciñanza, relativos á construción do Mercado Municipal.
Formoso comprometeu o apoio económico da Deputación, cunha achega de 700.000 euros en dous anos, para acometer as obras do Mercado Municipal de Ames, un proxecto que foi presentado no pasado mes de marzo e que comprende a rehabilitación da Casa de Barbazán, situada en Bertamiráns, e a súa ampliación para acoller os espazos necesarios para crear unha praza de abastos e un espazo cuberto, aberto e flexible para empregar como mercado para os produtores locais e dos seus produtos de proximidade.