Os establecementos hoteleiros de Santiago de Compostela sumaron 105.678 estadías de turistas internacionais no pasado mes de setembro, cun crecemento do 15,1% respecto do mes de setembro do ano pasado, segundo os datos do INE. Este dato confirma a consolidación de Compostela como un destino internacional cun atractivo turístico que vai moito máis alá que a celebración dun Ano Santo e vai na liña do cambio do modelo turístico na cidade, apostando por un turismo de maior valor engadido.
O turismo internacional alcanzou o 59,4% do total das estadías que se rexistraron na cidade no pasado mes, superando amplamente ao turismo doméstico, que supuxo o 40,6%, con 72.248 estadías. A maior presenza de turismo internacional, que en xeral ten un gasto medio por persoa superior ao doméstico, axudou a que a tarifa media diaria subise en setembro ata os 100 euros, a cifra mensual máis alta dende o coronavirus.