O Coñece a túa provincia da Deputación ofrece esta semana 7 rutas para un total de 160 lucenses


O programa Coñece a túa provincia da Deputación de Lugo ofrece esta semana 7 rutas diferentes para un total de 160 persoas que integran colectivos veciñais de Pantón, Vilalba, Lugo, As Nogais e Castro de Rei. Viaxarán polo territorio grazas a esta iniciativa de rutas gratuítas que puxo en marcha a institución provincial para entidades sen ánimo de lucro co obxectivo de fomentar o coñecemento da provincia e favorecer tamén o turismo de proximidade.

Durante a tempada de outono, dende setembro ata novembro, son máis de 1.230 persoas de 55 entidades da provincia as que percorrerán a provincia con este programa que a Deputación puxo en marcha co obxectivo de que a veciñanza coñeza mellor toda a riqueza patrimonial das distintas comarcas lucenses e dinamizar desta forma a economía local, sobre todo o turismo, a hostalería e o comercio. 

O programa Coñece a túa Provincia inclúe, de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas realízanas profesionais que teñen a habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.