O Concello e o sector abordan fórmulas para desestacionalizar o turismo en Santiago


A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, acompañada da concelleira de Turismo, Míriam Louzao, mantivo onte unha xuntanza con representantes de Unión Hotelera para tratar diversos temas de interese para o sector turístico.

No transcurso do encontro, Goretti Sanmartín expuxo a necesidade de traballar conxuntamente entre Concello e sector na procura dun novo modelo turístico para Santiago de Compostela, nomeadamente no relativo á posta en marcha de iniciativas que desestacionalicen e diversifiquen a oferta turística.


A necesidade de mudar as dinámicas e captar novos fluxos de visitantes nos meses do ano que non se corresponden coa época estival foron os temas que centraron este primeiro encontro, que estivo marcado pola cordialidade e o diálogo construtivo. Neste sentido, desde Unión Hotelera fixeron fincapé na necesidade de diversificar a oferta e dirixila a segmentos específicos, como turismo familiar, turismo verde ou turismo cultural.