Novembro traerá unha nova edición de Tapéate Ferrol

A concelleira de Turismo, Maica García, avanzou unha nova edición dos premios Tapéate, organizados pola Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol en colaboración coa Asociación de Empresarios de Hostalaría de Ferrol e Comarcas e o Concello de Ferrol. “É unha actividade máis para promocionar todo o potencial da nosa hostalería, axudar a este sector en temporada baixa e presumir da excelencia dos nosos produtos, un aliciente máis tamén para que nos visiten”, xa que o turismo gastronómico está de moda, sinalou a concelleira.

Poden participar os establecementos hostaleiros en activo localizados en Ferrol que dispoñan de barras nos seus establecementos onde sirvan habitualmente pinchos e/ou tapas.

A inscrición realizarase ata as 14:00 horas do 3 de novembro mediante a presentación de solicitude de participación na que conste o nome do local, o seu teléfono, o nome da tapa -só pode ser unha- e unha fotografía da tapa proposta.

A documentación pode entregarse na sede da Asociación de Empresarios de Hostalaría de Ferrol e Comarcas (rúa Real, 73-75, 2º d) ou por correo electrónico a hosteferrol@hosteferrol.org.