Lugo explota o seu potencial micolóxico


O Deputado de Medio Ambiente, Carlos López López, inaugurou este luns no Pazo de San Marcos as Xornadas Micolóxicas que organiza a Deputación de Lugo dentro do programa de actividades gratuítas de educación ambiental e de lecer que desenvolve a institución provincial na Reserva da Biosfera Terras do Miño. Esta acción formativa, que ten lugar ao longo desta semana en colaboración coa Sociedade Micolóxica Lucus, cubriu as 100 prazas dispoñibles.

As Xornadas Micolóxicas inclúen 5 días de sesións teóricas, impartidas no Salón de Actos da Deputación, e unha sesión práctica, dunha duración de tres horas e media, que terá lugar o sábado polos bosques próximos ao Centro de Interpretación Terras do Miño, na contorna do río Rato, en Lugo. Os participantes coñecerán a importancia dos ecosistemas naturais, as boas prácticas a empregar na actividade micolóxica e a identificación das diferentes especies de cogomelos nos seus hábitats.