Lourenzá réndese á súa raíña gastronómica na Festa da Faba



A trixésimo primeira edición da Festa da Faba reuniu o sábado en Lourenzá a milleiros de visitantes. A cita coa que todo o municipio exalta durante esta fin de semana o seu produto gastronómico estrela co apoio da Deputación de Lugo. 

Os deputados asistentes estiveron presentes nun pregón que este ano foi moi especial porque o actor do grupo Avelaíña Teatro Xulio Leal leu o texto que. no seu día e nesta mesma festa, ofrecera o laurentino Francisco Fernández del Riego en 1998. Logo, percorreron a zona de expositores na Praza do Conde Santo, onde comprobaron e eloxiaron a “alta calidade deste produto que xa está presente dentro das cartas máis exquisitas do país”. “É un ben moi apreciado que se pode maridar case con calquera produto, unha proxección á que contribuíu de maneira fundamental o distintivo de Indicación Xeográfica Protexida”. Nese senso, puxeron en valor o traballo dos fabeiros e fabeiras “porque son a semente, e nunca mellor dito, do produto que hoxe temos aquí, é un traballo de fondo que converte a Lourenzá na capital da Faba”.