Hostelería de Galicia tralada a Eueda as súas inquedanzas


Catro representantes de Hostelería de Galicia, confederación integrada polas asociacións provinciais de hostalería e turismo da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, encabezados polo seu presidente, Cheché Real, reuníronse co presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e co director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, para abordar as principais inquietudes do sector.

Cheché Real, Héctor Cañete, Ovidio Fernández e César Ballesteros, presidentes das asociacións de Lugo, A Coruña, Ourense e Pontevedra, respectivamente, coincidiron ao presentar cal é a situación postcovid coa que se atopa ao sector: “A formación continua do noso sector segue sendo primordial tanto para as novas xeracións como para todos os profesionais que xa nos dedicamos á hostalería, a falta de persoal é o principal reto ao que se están enfrontando os nosos negocios e o relevo xeracional continúa sendo unha das nosas eivas”.

“Facer da hostalería unha saída profesional atractiva está nas nosas mans e, para iso, necesitamos máis ca nunca o apoio das administracións”, reclamaron.

Outro asunto que xurdiu por estar de plena actualidade foi o tema das taxas turísticas nas diferentes cidades galegas. Desde Hostelería de Galicia cren que “nestes momentos non hai necesidade nin motivos para implantar dita taxa”.

Neste mesmo senso, recalcaron que “en caso de querer aplicar este tipo de imposto en algún Concello, a decisión final debera tomarse en consenso co sector hostaleiro e turístico de cada localidade”. Real, Cañete, Fernández e Ballesteros engadiron que “deberá quedar moi claro quen a vai recadar, como e a quen irán destinados eses fondos”, pois entenden que “deberían dirixirse a melloras dentro do propio sector”.