Fábricas e conserveiras da ría de Arousa convertiránse nun recurso turístico


O Consello da Xunta de Galicia autorizou hoxe a subscrición dun convenio de colaboración coa Mancomunidade de Municipios Ría de Arousa Zona Norte para a posta en marcha do seu Plan de sustentabilidade turística en destino por valor de 1,5 M€ nos concellos de Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo. Ao abeiro desta nova folla de ruta está previsto impulsar algúns dos seus recursos enogastronómicos máis singulares, como as fábricas e as conserveiras, para promover a súa visita pública e o acondicionamento como museo. 

En concreto, o plan prevé a posta en valor sustentable das fábricas de salgadura en Ribeira e das conserveiras de Boiro, xunto coa creación dunha rede de rutas enogastronómicas con visitas guiadas ou a rehabilitación do Liceo Marítimo Rianxeiro, onde se crearán aulas de enogastronomía. A creación de vías de cicloturismo na Pobra do Caramiñal completan algunhas das accións que prevé este Plan.