Balnearios de Ourense e Portugal ofrecen unha proposta transfronteiriza de turismo termal


A Deputación e os balnearios da provincia lanzan a primeira proposta conxunta de "turismo termal transfronteirizo de autor". Con esta cooperación logran, como outro máis dos resultados do proxecto europeo Raia Termal, que un amplo conxunto de empresas de ambos os lados da fronteira entre Ourense e Portugal estean coordinadas á hora de ofrecer servizos termais.

Os balnearios definen o "turismo termal de autor" como unha oferta que vai de dúas a catro noites de aloxamento, tendo como núcleo central os servizos dos centros termais, aos que se lle suman diferentes atractivos turísticos personalizados de alto valor gastronómico, paisaxístico ou enolóxico, e que no seu conxunto conforman unha experiencia turística personalizada, non masificada e respectuosa co medio ambiente.

A maioría de servizos incluídos na proposta inclúen a presenza de expertos guías residentes no territorio, creando unha oferta cun número moi reducido de prazas exclusivas. A proposta está pensada para facer gozar a todas as persoas que a realicen mostrando itinerarios diferentes e ofrecendo ese "algo máis" que todo viaxeiro termal busca.