“Pontevedra é moito máis que sol e praia”, remarcou Castro, e fixo fincapé en que a provincia ofrece innumerables alternativas para gozar nas catro estacións e que é precisamente neste aspecto no que vai centrar a súa intervención na reunión de traballo en Alacante. “Veñen agora por diante unhas datas cheas de maxia e o Nadal en Pontevedra é espectacular. Tamén temos un Entroido único, con propostas singulares e moi diferentes coma os Xenerais do Ulla ou as Madamas e os Galáns de Cobres; e se a isto lle engadimos unha gastronomía con produtos tan especiais que se converteron en embaixadores da nosa provincia, uns viños da Denominación de Orixe Rías Baixas recoñecidos en todo o mundo, unha oferta termal de calidade, ou as múltiples opcións de Camiños cara a Santiago que pasan pola provincia, sobran os motivos para visitar Pontevedra”, subliñou a deputada. Ademais, Nava Castro aproveitará a ocasión para anunciar que o Goberno provincial fará un esforzo considerable por impulsar o turismo MICE ou de reunións, incentivos, congresos e eventos partindo de lugares coma o castelo de Soutomaior, “espectacular para, entre outras cuestións, celebrar congresos especializados en turismo”.
Ata 25 empresas do sector turístico da provincia promocionarán este mércores 18 de outubro en Alacante e da man da Deputación as alternativas que ofrecen para gozar de Pontevedra. Farano no marco da reunión de traballo que a institución provincial organiza no Hotel Spa Porta Maris by Meliá da cidade alacantina e na que a deputada de Turismo, Nava Castro, será a encargada de presentar a ampla oferta turística da provincia e fará fincapé nas alternativas existentes para gozar dela durante todo o ano. As empresas pontevedresas manterán encontros de traballo con máis de medio cento de entidades de Alacante, Elche, Benidorm, Guardamar, Campello, Villalonga e, entre outras localidades, Orihuela.