A Feira do Gourmet Galego Etiqueta Negra porá en valor a marca TéAreeiro


A Deputación de Pontevedra será un dos patrocinadores da feira gourmet Etiqueta Negra 2023, que se desenvolverá no Recinto Feiral de Pontevedra do 11 ao 13 de novembro de 2023. Así o confirmou o deputado responsable da Estación Fitopatolóxica Areeiro, Jorge Cubela, que mantivo unha reunión cos responsables da organización desta feira do gourmet galego. Desta maneira, a Deputación contará cun posto no recinto feiral baixo o nome Tetería da Deputación de Pontevedra, no que dará a coñecer a marca TéAreeiro, o distintivo de calidade e de produto local co que a institución provincial impulsa a produción de té verde de camelia na provincia.

“Queremos converternos nunha referencia na produción do té, favorecendo que a xente poida gozar dunha bebida coma esta con denominación de orixe na provincia de Pontevedra”, asegurou Cubela ao respecto deste TéAreeiro, obtido con brotes e follas de Camellia sinensis. O deputado provincial destacou que impulsar a produción de té na provincia “é unha oportunidade de diversificar e de promover o desenvolvemento rural de Pontevedra e dar pasos cara adiante para frear o despoboamento no rural, ao tratarse de exemplares que neste recuncho de Galicia teñen un clima máis que favorable para o seu crecemento”.