A Deputación de Pontevedra deu a coñecer na Feira TTG Travel Experience o seu labor co Camiño e co turismo lento
A Deputación de Pontevedra deu a coñecer este xoves as súas liñas de traballo relacionadas co Camiño de Santiago e o turismo lento na feira TTG Travel Experience de Rimini, en Italia. Trátase dun salón internacional de turismo que cada ano acolle as presentacións das principais novidades do mercado ás e aos profesionais do sector (operadoras e operadores turísticos, liñas aéreas, axentes de viaxe etc.) e no que a deputada provincial, Nava Castro, tivo unha presenza activa a través da súa participación na mesa de debate sobre experiencias de peregrinación en Europa organizada polo Centro de Estudos Avanzados en Turismo da Universidade de Bolonia.
No debate, moderado polo profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da Universidade de Vigo e líder do proxecto rurAllure (“Promotion of rural museums and heritage sites in the vincinity of European pilgrimage routes”) do programa Horizonte 2020 da Unión Europea, xuntaranse representantes europeas e europeos nos campos do turismo, da cultura e do patrimonio cultural para afondar no turismo de peregrinacións. Así, xunto a Nava Castro daranse cita, entre outras personalidades, a directora do Departamento de Políticas Culturais do Ministerio de Cultura de Letonia, Baiba Murniece; o presidente da Asociación Europea da Vía Romea Xermánica, Thomas Dahms; a xerente do INORDE, Emma González; e profesorado universitario italiano e holandés.