25 empresas turísticas promocionan a provincia no espazo Esklandestino


A Deputación de Pontevedra, representada pola deputada de Turismo, Nava Castro, promociona hoxe a provincia no espazo Esklandestino, en Barcelona, da man de 25 empresas do sector turístico provincial. O sector público e o privado presentarán conxuntamente as alternativas existentes para gozar de Pontevedra ao longo de todo o ano. As empresas pontevedresas manterán encontros de traballo con máis de cincuenta entidades de Barcelona, Badalona, Castelldefels, Sant Quirze del Vallès, Capellades, Cabrils, Terrassa, Sant Vicenç dels Horts, Torelló, Canet de Mar e Santpedor.

“Pontevedra é moito máis que sol e praia”, remarcou Castro e fixo fincapé en que a provincia ofrece innumerables alternativas para desfrutar durante todo o ano; é precisamente neste aspecto no que vai centrar a súa intervención na reunión de traballo en Barcelona. “Veñen agora por diante unhas datas cheas de maxia e o Nadal en Pontevedra é espectacular. Tamén temos un Entroido único, con propostas singulares e moi diferentes, coma os Xenerais do Ulla ou as Madamas e os Galáns de Cobres. E se a isto lle engadimos unha gastronomía con produtos tan especiais que se converteron en embaixadores da nosa provincia, uns viños Denominación de Orixe Rías Baixas recoñecidos en todo o mundo, unha oferta termal de calidade ou as múltiples opcións de camiños cara a Santiago que discorren pola provincia, sobran os motivos para visitar Pontevedra”, subliñou a deputada.