Un convenio entre a administración e as D.O. reforzará a promoción internacional dos viños e augardentes galegos


O Consello da Xunta coñeceu onte do novo convenio impulsado pola Consellería de Economía, Industria e Innovación coas denominacións de orixe para o impulso dun plan conxunto de internacionalización dos viños e augardentes de Galicia no período 2023- 2025. Un acordo que busca potenciar a promoción internacional destes produtos a través da coordinación de plans de internacionalización, do desenvolvemento de solucións de promoción dixital e de programas formativos, da participación en feiras e outros eventos promocionais, así como do impulso de misións comerciais inversas. Deste xeito, o Goberno galego, a través do Igape e en colaboración coa Asociación de Consellos Reguladores Vitivinícolas Galegos e das Indicacións Xeográficas das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia (Acruaga), reforza e intensifica a presenza nos mercados internacionais dos viños e augardentes e licores tradicionais de Galicia co obxectivo de incrementar a súa cota de exportacións.