Santiago preséntase como cidade destino de congresos en Suíza


Turismo de Santiago, a través do Santiago de Compostela Convention Bureau (SCCB), participou o pasado martes nunha xornada directa de promoción de Compostela como destino dirixido a profesionais do sector de Congresos, Eventos, Xornadas e Incentivos do mercado suízo. A xornada foi organizada pola Spain Convention Bureau.

Na xornada, Turismo de Santiago tivo a oportunidade de facer unha presentación da cidade a máis de 70 dos principais organizadores de congresos e eventos suízos, cos que ademais puido conversar no workshop posterior á presentación da cidade. Tanto na presentación como nas charlas posteriores amosáronse os múltiples recursos cos que conta Santiago para acoller Congresos e Viaxes de Incentivos de dimensión internacional, que se suman ao atractivo turístico da cidade.

Con esta acción en Suíza, Turismo de Santiago continúa co obxectivo de consolidar Compostela como un destino de congresos internacional, capaz de captar non só congresos e xornadas de ámbito estatal senón tamén de ámbitos de maior dimensión, co obxectivo de continuar evolucionando o modelo turístico de Santiago, dirixíndose a un segmento que aporta un alto valor engadido para a cidade, xa que o gasto medio dun participante nun congreso situouse nos 355 euros ao día en España o ano pasado, segundo os datos do Spain Convention Bureau.